O proxecto mousetraps: rateiras de luz propón un percorrido pola historia da representación visual da realidade. Iníciase a finais da Idade Media, cando xorden os primeiros intentos de sistematización da perspectiva, e remata no século XXI, cando as tecnoloxías dixitais se poñen ao servizo de todos os descubrimentos previos, aumentado de xeito imparable as súas aplicacións e posibilidades.
Cada paso na evolución da representación obxectiva da realidade vai marcado polo desenvolvemento e emprego sistemático dun determinado artefacto, que da razón del e o facilita: fiestra de Alberti, cámara escura, fisionotrazo, litofanía, cámara lucida, cámara fotográfica, microprocesador. Esta viaxe de descubrimento só foi posible grazas á simbiose entre Artes e Ciencias: ademais de camiñaren ambas as dúas da man, non foi infrecuente o caso de persoas que cultivaron varias e moi diversas disciplinas dos dous ámbitos.

Neste anaglifo poden verse algunhas mousetraps feitas no curso 18-19

Na recreación das etapas senlleiras deste camiño imponse, polo tanto, unha perspectiva interdisciplinaria que abrangue distintos departamentos, o que facilita ao alumnado a integración de diferentes saberes e competencias nun marco global que os integre na súa experiencia cotiá, dotándoos dun sentido e transcendencia que unha aproximación tradicional ás materias sería incapaz de acadar.
O currículo da Educación Plástica, Visual e Audiovisual na ESO ofrece múltiples posibilidades para desenvolver gran parte dos seus contidos e articulalos neste proxecto, en coordinación con practicamente todos os departamentos, tanto de ámbito científico-tecnolóxico como humanístico. Mousetraps pretende ser o espazo onde recrear tanto as técnicas e os artefactos (prefotográficos e fotográficos) como as mesmas sinerxías entre disciplinas que abriron os camiños da captación da imaxe e da representación da realidade.
O nome do proxecto, Rateiras de luz, é unha homenaxe ás primeiras cámaras fotográficas creadas por William Henry Fox Talbot: pequenas caixiñas de madeira parecidas ás rateiras (mousetraps, en inglés) empregadas naqueles tempos. Fox Talbot (1800-1877), fotógrafo, inventor, arqueólogo, botánico, filósofo, filólogo, matemático e político británico, a pesar de non ter sido o descubridor da fotografía, como inventor do negativo -é dicir, da posibilidade de reproducir as imaxes sen límite e sen diminución da súa calidade- abriu paso a unha das características fundamentais da nosa cultura da imaxe.